Wednesday 24 de April de 2024

O PSOE de Ordes saca adiante as súas emendas para reducir en 50 euros as asistencias a plenos e que non se cobren as sesións extraordinarias


A concelleira Verónica Gómez critica que o alcalde non cumpra as resolucións plenarias e as cualifique como “imposibles”, “como modificar as ordenanzas para dar un paso adiante na defensa das persoas con diversidade funcional”

O PSOE de Ordes celebra a aprobación das súas emendas ás propostas realizadas por Unión por Ordes (UXO) que reducen en 50 euros as contías percibidas por cada concelleiro por asistencia ás sesións plenarias ordinarias e que non se cobre a asistencia a sesións extraordinarias. Unhas medidas que suporá un aforro mínimo de 10.200 euros anuais, así como 2.125 euros menos por cada sesión extraordinaria. Tomando en consideración o ano 2016, as emendas socialistas aprobadas onte suporían un aforro de 14.450 euros.

“O que pretendemos coas emendas é que o custo para as arcas municipais sexa o mesmo ou moi similar ao que está habendo agora, pero habendo máis participación, máis democracia e máis pluralidade”, defendeu a concelleira socialista Verónica Gómez. Os socialistas tamén votaron a favor do cambio das sesións plenarias, que pasan a celebrarse nas tardes do venres, e a determinación das retribucións dos cargos con dedicación exclusiva ou dedicación parcial.

Neste sentido, Gómez lembroulle ao alcalde que “estando na oposición se cansou de repetir por activa e por pasiva que o Concello estaba endebedado, pero a primeira proposta que fixo ao chegar á Alcaldía foi querer subirse o soldo 4.000 euros ao ano, porque 39.000 euros debe ser un soldo pequeno”. A concelleira considera que “convén que todos os veciños e veciñas saiban que o alcalde, nada máis entrar na Alcaldía, fixo o contrario que dicía estando na oposición. Sobre todo tendo en conta que no pleno do 26 de xullo de 2012 presentou unha moción na que, entre outras cousas, solicitaba baixarlle o soldo ao anterior alcalde un 7,1%, ata os 38.380 euros”.

Inactividade do actual Goberno

Os socialistas abstivéronse nos outros puntos da orde do día. Ante as acusacións lanzadas polo alcalde de que os grupos da oposición só pretendían “facer caixa”, a concelleira socialista lembrou que “a constitución destas comisións non supón necesariamente a súa convocatoria, só serán convocadas cando proceda” e denunciou a situación de “inactividade e inoperatividade” que vive Ordes onte “os temas seguen enriba da mesa, sen resolver, un mes tras outro”. Así mesmo, criticou que o alcalde non cumpra coas resolucións plenarias e mesmo as cualifique como “imposibles”, e puxo un exemplo: “a moción aprobada en xuño de 2016 para modificar as Ordenanzas de Tráfico e da Ora para dar un paso máis na defensa e loita pola igualdade das persoas con diversidade funcional leva dende aquela paralizada”.

Verónica Gómez defendeu que “nas comisións estaremos todos representados, todos os veciños e veciñas de Ordes, polo que claramente se mellorará a transparencia, a democracia e a participación de todos e todas nas decisións que rexan o Concello de Ordes”. Ademais, lembrou que a estas comisións irían 6 concelleiros, un por grupo político, e que se se convocan dúas mensuais, “o gasto aumentaría en 600 euros ao mes pero, coa redución de 50 euros das asistencias ás Xunta de Goberno, aforraremos 1.200 euros ao mes. Onde está o problema para o Concello neste punto”.

Falta de diálogo

Finalmente, os socialistas abstivéronse tamén no nomeamento dos representantes da corporación en órganos colexiados. Nesta cuestión, Verónica Gómez lembroulle ao alcalde que “vostede empezou a gobernar este Concello en minoría, con 7 concelleiros. E a min sempre me chamou a atención a súa falta de diálogo, pois cóntanse cos dedos dunha man as veces que nos convocou para falar de temas tan importantes como os orzamentos municipais, que por certo trouxo a este pleno, non saíron adiante e dende entón nin se sabe deles”.

Despois do abandono de dous concelleiros do grupo popular, “o PP quere gobernar con 5 concelleiros de 17, pero parece que vostede cando ten que falar coa oposición se pon moi nervioso e non lle gusta. Pero mire, isto é un sistema democrático e cando se quere gobernar con 5 concelleiros de 17 creo que todos e todas temos algo que achegar”.